11 de xaneiro de 2024
O Forte lévase a terceira xornada europea tras 50 minutos nos que o Liceo comezou gañando.
O traballo deste grupo segue sen atopar fortuna. Tampouco sorriu na visita do Deportivo Liceo a Italia, onde o Forte dei Marmi levou os tres puntos dun importante partido de Champions. Todavía non estrea o seu casilleiro o equipo verdibranco, ó que aínda lle quedan outras tres xornadas para chegar a bo porto. Por difícil que pareza.
A primeira delas será en Riazor fronte ó propio equipo transalpino (xoves 25, 20:30h). Os homes de Juan Copa deberán gañar obrigatoriamente para continuar con opcións de clasificación.
Outro bo comezo sen final feliz
Como o pasado domingo en Noia, as boas novas foron as primeiras en chegar dentro dos 50 minutos de acción. Apareceron as grandes intervencións de Tiago Rodrigues, titular no PalaForte e seguro ante ditas ocasións locais. A inicial, protagonizada por Federico Ambrosio, foi moi clara.
Tras iso foi cando o Liceo avisou. O propio Ambrosio viu a azul e Dava non conseguiu anotar o 0-1 no minuto 4, pero si Tombita no 10. Veu dunha excelente xogada colectiva con pases ó primeiro toque, co dorsal 44 como executor. Pouco máis tarde, o capitán incluso rozou un 0-2 que só salvou o meta Ricky Gnata.
Fran Torres adiantou ó Deportivo Liceo no minuto 10, aínda que o Forte remontou o partido
Tiago superou esa dobre intervención do italiano cunha triple en segundos. Mantívose o 0-1 até que, lamentablemente, chegou o 1-1 no minuto 16. Francesco Compagno, recente ex da OK Liga, inventou un reverso hábil que oficializou o empate. Foi o que chegou ó descanso.
Dobrete de Compagno e aposta sen premio
A balanza do acto final caeu do lado transalpino grazas ó mesmo responsable. Compagno disparou desde lonxe no minuto 31, sorprendeu a Tiago Rodrigues e culminou a remontada. Fíxoo aínda con tempo de reacción para o cadro de Juan Copa, que non deixou éxito. Pouco despois, un contraataque rematado polo español Joan Galbas puxo as cousas aínda máis difíciles (3-1).
Compagno oficializou o seu segundo tanto e o triunfo parcial ós 31 minutos de xogo
Non rematou coa vontade dos verdibrancos. Iso nunca desaparece. Dava Torres acurtou distancias no minuto 43, cando o propio Galbas viu unha azul. Esa directa e ese 3-2 apertaron máis a acción, pero todo acabou cando un moi discutido gol de Francesco Rossi deixou o 4-2 final. Toca recuperarse para afrontar a visita a Igualada na OK Liga (domingo 14, 16:00h).
FICHA TÉCNICA
FORTE: Riccardo Gnata; Federico Ambrosio, Joan Galbas, Francesco Compagno, Fran Ipiñazar (quinteto inicial), Pedro Gil, Elia Cinquini, Francesco Rossi, Enric Torner e Mattia Taiti (meta suplente).
DEPORTIVO LICEO: Tiago Rodrigues; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Pablo Cancela (quinteto inicial), Tomás Pereira, Fabri Ciocale, Fran Torres, Guido Pellizzari e Martí Serra (meta suplente).
ÁRBITROS: Miguel Guilherme e Teófilo Casimiro (Portugal). Mostraron cartón azul ós locais Fede Ambrosio e Joan Galbas.
GOLES: 0-1 (Fran Torres, min. 10). 1-1 (Francesco Compagno, min. 16). 2-1 (Francesco Compagno, min. 31). 3-1 (Joan Galbas, min. 32). 3-2 (Dava Torres, min. 43). 4-2 (Francesco Rossi, min. 48).
WSE Champions League 23/24. Xornada 3 da Fase de Grupos. PalaForte (Lucca, Italia).