CRÓNICA WSE CHAMPIONS LEAGUE (X2) | Derrota para pechar 2023 (2-4)

CRÓNICA WSE CHAMPIONS LEAGUE (X2) | Derrota para pechar 2023 (2-4)

14 de decembro de 2023


O Deportivo Liceo cae en Riazor ante o Barcelos e continúa sen poder sumar na Fase de Grupos. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

O ano non puido rematar de forma positiva para o Deportivo Liceo de Juan Copa. A segunda xornada da WSE Champions League aterrou nun Riazor engalanado que non gozou dos primeiros puntos dos seus xogadores, superados por un Barcelos que de momento conta as súas probas europeas por triunfos. A Fase de Grupos deixa ó Liceo co casilleiro aínda por estrear e cos lusos e o Barça dominando a sección con seis unidades cada un.

É o momento do parón navideño, que só rematará cando o próximo 7 de xaneiro se busquen os tres puntos en Noia (OK Liga). Será o último partido da primeira volta e o que determinará os participantes da próxima Copa do Rei. Catro días despois, Europa regresará coa visita á cancha do Forte dei Marmi italiano.

Un inicio intenso e moi físico

Liceo e Barcelos ofreceron un hockey de moi alto nivel potenciado polas boas prestacións físicas. Un inicio intenso con ocasións para ambos e no que Sito Ricart deixou o achegamento máis perigoso para os locais, cun disparo ó longueiro de Conti Acevedo.

Tomás Pereira pugna co exliceísta Luis Querido, que marcou o 0-1. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

O primeiro golpe, sen embargo, foi dado polo equipo de Paulo Freitas. Aproveitaron unha perda dos verdibrancos no centro da pista para que Luis Querido, vello coñecido da casa, superara a Tiago Rodrigues ó rematar un pase da morte (minuto 8). Deleite para a ducia de ruidosos afeccionados lusos que visitaron o Pazo.

Tocaba reaccionar e o Liceo fíxoo o mellor que puido, aínda que o seu rival se mantivo firme en defensa. Non só iso, senón que duplicou a súa vantaxe. Poka recibiu a bóla no 19, avanzou e superou a Tiago nun man a man. Un duro golpe do que o conxunto de Juan Copa, caracterizado sempre pola súa vontade, se recuperou á perfección.

O Liceo logrou igualar antes do arreón final do Barcelos

No minuto 22, Pablo Cancela protagonizou esa óptima resposta ó sorprender a Acevedo desde detrás da súa portería. O descanso chegou doutro modo, aínda que non sen menos dificultade por diante ante un rival que amosou o seu poderío físico e a súa calidade.

Sito Ricart completou un gran partido no que, ademáis, logrou anotar. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Rozou Rampulla o 1-3 ós catro minutos do regreso co único impedimento do longueiro. Todo un aviso. O ferro foi protagonista de novo no 2-2 que logrou o Deportivo Liceo, non sen suspense. Sito Ricart (minuto 34) cazou un rexeite na frontal da área, disparou ó traveseiro e a bóla botou dentro antes de saír escupida hacia fóra. Os árbitros italianos do encontro non dudaron en dar o gol.

Parecía abrirse un novo horizonte que, sen embargo, tivo pouca vida. Inmediatamente despois, o luso Miguel Rocha sacou un misil espectacular desde lonxe para devolverlle a vitoria ó Barcelos. Aínda que os coruñeses intentaron todo ata o final, Vieirinha sentenciou no 47 cun bo reverso raso que superou a Tiago. Así rematou.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Tiago Rodrigues; Sito Ricart, César Carballeira, Fabri Ciocale, Pablo Cancela (quinteto inicial), Fran Torres, Guido Pellizzari, Tomás Pereira, Jaime Méndez e Martí Serra (meta suplente).

OC BARCELOS: Conti Acevedo; Danilo Rampulla, Luis Querido, Miguel Vieira, Alvarinho (quinteto inicial), Santi Chambella, Léo Savreux, Poka, Miguel Rocha e Bruno Ferreira (meta suplente).

ÁRBITROS: Claudio Ferraro e Alfonso Rago (Italia). Sen cartóns.

GOLES: 0-1 (Luis Querido, min. 8). 0-2 (Poka, min. 19). 1-2 (Pablo Cancela, min. 22). 2-2 (Sito Ricart, min. 34). 2-3 (Miguel Rocha, min. 36). 2-4 (Miguel Vieira, min. 47).

WSE Champions League 23/24. Xornada 2 da Fase de Grupos. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario