3 de novembro de 2023
O xogador arxentino, de 31 anos, procede do Saint-Omer e comezará a xogar en inverno.
O Deportivo Liceo de Juan Copa conta desde hoxe cun novo integrante: o arxentino Guido Elian Pellizzari Oliva (Mendoza, Arxentina, 1992). A incorporación durará ata o final desta tempada e rematará de perfilar o plantel da 23/24. O Liceo desexa agradecer a disposición do Saint-Omer francés para poder completar a operación.
Guido Pellizzari, de 31 anos, incorporarase desde este mesmo momento ós adestramentos do primeiro equipo, aínda que só poderá debutar de xeito oficial unha vez se inaugure o próximo mercado de inverno.
O veterán xogador arxentino conta cunha dilatada experiencia no hockey sobre patíns de primeiro nivel. Tras formarse no Andes Talleres do seu país natal, deu o salto definitivo a Europa para participar nas súas grandes ligas.
Defendeu as cores do Valença (Portugal), o Vendrell, o Calafell (ambos da OK Liga española) e, máis recentemente, o mencionado Saint-Omer (Francia). No país veciño levantou varios títulos: dúas Ligas, unha Copa e dúas Supercopas.
O Liceo completa así o seu plantel en atención á recente lesión de longa duración de Bruno Saavedra, aínda convalecente dunha dolencia de escafoides.