24 de setembro de 2023
Imaxe: DAVID VALIENTE.
O Barcelona leva o título fronte a un Deportivo Liceo que nunca deixou de loitar e que acariciou o tempo extra.
Perdeuse, pero loitouse. Ata o final, como sempre fai este equipo. O Deportivo Liceo de Juan Copa caeu ante o Barcelona na final dunha Supercopa exemplar por parte dos verdibrancos.
O gran potencial culé non evitou unha imaxe envidiable dos liceístas, que rozaron a prórroga no último minuto despois de vivir toda a segunda metade con dous goles de desvantaxe.
Un gol inicial que foi remontado
No propio partido, e fronte a numerosas accións de calidade, os dous porteiros tamén demostraron a súa. Tiago Rodrigues e Carles Grau mantiveron o 0-0 nun inicio trepidante, por momentos de oportunidade clara a cada poucos segundos. O primeiro en ser batido foi o culé, grazas a un marabilloso disparo do capitán Dava Torres. Corría o minuto 9.
O gol foi só un número dentro do gran rendemento do Deportivo Liceo durante toda a final. Gañando, empatando ou perdendo, sempre competiu. Demostrou unha defensa sólida e un ataque intenso. Cando recibía o esperado perigo do Barça, aí estaba Tiago.
Desafortunadamente, o marcador xa non foi o mesmo chegando ó descanso. O gran potencial do Barça transformouse en dous tantos de Marc Grau e de Alabart. Do 1-0 ó 1-2.
Resiliencia
Aínda que con moito por xogar, o acto final non comezou con boas novas. Pau Bargalló, no minuto 30, golpeou ó Liceo cun disparo potente desde a esquerda para colocar o 1-3. Aínda máis complicado. Un momento que quizais mostrou ó Liceo máis aturdido do partido, pero durou pouco.
Os dez minutos finais deixaron un conxunto coruñés fiel á súa esencia. Forte a pesar das adversidades. Intentouno ata o final, primeiro cun tiro directo que evitou Grau a Dava no 41. No 49, Sito Ricart acurtou distancias nunha situación máis que forzada. Acabou no chan, pero marcou.
Só milímetros evitaron o 3-3 de César, nunha bóla que o porteiro culé sacou da liña no último momento. A derrota foi entón oficializada.
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Tiago Rodrigues; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Pablo Cancela (quinteto inicial), Tomás Pereira, Fabri Ciocale, Bruno Saavedra, Fran Torres e Martí Serra (meta suplente).
BARÇA: Carles Grau; Ignacio Alabart, Pau Bargalló, Xavi Barroso, João Rodrigues (quinteto inicial), Eloi Cervera, Sergi Panadero, Marc Grau, Sergi Llorca e Adri Galán (meta suplente).
ÁRBITROS: Jonathan Sánchez García e Sergi Mayor Oliván. Sen tarxetas.
GOLES: 1-0 (Dava Torres, min. 9). 1-1 (Marc Grau, min. 18). 1-2 (Ignacio Alabart, min. 23). 1-3 (Pau Bargalló, min. 30). 2-3 (Sito Ricart, min. 49).
Supercopa de España 2023. Final. Pavelló Olímpic de Reus.