9 de setembro de 2023
O Deportivo Liceo vence ó Riba d’Ave nun trepidante segundo partido do Torneo Internacional de Famalicão.
O famoso ADN Liceo non se agocha na pretempada. O equipo de Juan Copa, inmerso no Torneo Internacional de Famalicão, superou ó Riba d’Ave no Parque das Tílias despois de estar por detrás no marcador durante boa parte do encontro.
A bóla parada foi clave para conseguir o primeiro triunfo nesta competición, que comezou cunha derrota por 2-1 fronte ó Famalicense. Esta segunda estadía en Portugal durará ata a tarde de mañá domingo e deixará unha proba máis: será ante o Saint-Omer (16:30h de España).
Dez goles en 25 minutos
Nesta non faltou intensidade. Tampouco entretemento para o espectador neutro. Ós seis minutos o marcador xa ensinaba un 2-2. Comezou marcando o español Iñigo Artacho para os locais, pero Pablo Cancela remontou en poucos instantes cunha falta directa (a primeira das dúas que anotaría) e tras un pase de Dava Torres. Pedro Silva igualaría pouco despois cun disparo lonxano que sorprendeu a Tiago.
Só transcurriron seis minutos de partido para ver catro goles dun total de trece
Desde o minuto 12 ata o 15, o Parque das Tílias viu outro gol para cada equipo. 3-3 grazas a Pinheiro (Riba) e Fabri (Liceo). Tomás Pereira marcou (3-4) para outra remontada verdibranca que non duraría moito: o descanso deixaría un 6-4 para os portugueses con dous tantos do mencionado Artacho e outro de Folhetas. Estes dous últimos, a falta de segundos para o intermedio.
ADN Liceo e remontada
Non houbo troco de chip no banco de Juan Copa porque o camiño xa era o correcto. O da ambición continuou á volta, pero con máis solidez defensiva. O Riba d’Ave non marcaría ningún gol máis, ó contrario que o Deportivo Liceo.
Primeiro acurtou distancias Fran Torres cun man a man habilidoso (6-5, minuto 34). Despois apareceu a efectiva bóla parada: unha falta directa de Cancela e un penalti de César Carballeira para evidenciar o 6-7 a favor do Liceo. Dita solidez mantívose incluso cando os homes de Raul Meca xogaron con cinco de pista. Así terminou.
Próximos amistosos
Ata o debut oficial do sábado 23 de setembro ás 16:00h, coa semifinal de Supercopa ante o Reus, estes son os últimos dous amistosos confirmados para a pretempada:
- 10 de setembro | Torneo Internacional de Famalicão (Portugal) ante o Saint-Omer (16:30h). Hora española.
- 17 de setembro ante o Rivas Hockey no Pazo dos Deportes de Riazor. Horario por confirmar.
FICHA TÉCNICA
RIBA D’AVE: Álvaro Shehda; Anderson Nery, Folhetas, Iñigo Artacho, Rémi Herman (quinteto inicial), Daniel Pinheiro, Pedro Silva, Franco Pósito, Gustavo Pato e Diogo Silva (meta suplente).
DEPORTIVO LICEO: Tiago Rodrigues; César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale, Pablo Cancela (quinteto inicial), Sito Ricart, Tomás Pereira, Fran Torres e Martí Serra (meta suplente).
TARXETAS: Azul para Franco Pósito no Riba d’Ave e para Fran Torres por parte do Deportivo Liceo.
GOLES: 0-1 (Iñigo Artacho, min. 1). 1-1 (Pablo Cancela, min. 3). 1-2 (Pablo Cancela, min. 5). 2-2 (Pedro Silva, min. 6). 3-2 (Daniel Pinheiro, min. 12). 3-3 (Fabri Ciocale, min. 14). 3-4 (Tomás Pereira, min. 21). 4-4 (Iñigo Artacho, min. 23). 5-4 (Iñigo Artacho, de penalti, min. 25). 6-4 (Folhetas, min. 25). 6-5 (Fran Torres, min. 34). 6-6 (Pablo Cancela, min. 39). 6-7 (César Carballeira, de penalti, min. 41).
Pretempada 2023. Torneo Internacional de Famalicão, segundo partido. Parque das Tílias de Riba de Ave (Portugal).