CRÓNICA AMISTOSO | Outro triunfo para confiar (1-2)

CRÓNICA AMISTOSO | Outro triunfo para confiar (1-2)

31 de agosto de 2023


O Deportivo Liceo vence outra vez ó Oliveirense e remata positivamente o segundo dos seus tres amistosos da semana.

De novo ante o Oliveirense e de novo con vitoria. O Deportivo Liceo, dirixido un ano máis por Juan Copa, rematou do mellor xeito o segundo dos tres amistosos do stage portugués; que finalizará mañá venres ante a AD Valongo (19:00h de España) no seu Pavillón Municipal.

O encontro contra os de Oliveira de Azeméis era o segundo ante eles desta pretempada 2023, despois do que abriu o calendario de probas no Pazo dos Deportes (4-3).

Aclimatación

Se o partido completo de onte ante o Barcelos foi para Tiago Rodrigues, este foi para Martí Serra. Dous porteiros de nivel con algo en común: o pouco traballo que atoparon na primeira metade.

Cun Liceo aínda sen Bruno Saavedra pola súa convocatoria internacional, nin verdibrancos nin lusos saíron á pista dos Carvalhos (o choque non foi no Dr. Salvador Machado) coa quinta marcha posta. Tomás Pereira foi o único en probar a Xano Edo, meta do conxunto comandado por Edo Bosch; mentres que Lucas Martínez se encargou do mesmo na outra portería.

Fin da igualdade

25 minutos de adaptación deron paso a outros algo máis animados, ou iso procurou Dava Torres cando colocou o 0-1 a favor dos de Copa. Tres da reanudación pasaron antes do tanto do capitán liceísta.

Por suposto, a reacción local debía chegar. Foi contida ata o minuto 37, cando o exliceísta Bruno Di Benedetto empatou tras batir a Serra. O meta catalán responsabilizouse despois de neutralizar non só un penalti, senón dous. Nin Lucas Martínez nin Marc Torra, en cuestión de dous minutos, foron capaces de superar ó dorsal 10.

Pouco despois do 1-1, Martí Serra detivo dous penaltis en dous minutos

Como quen perdoa paga, o Liceo anotou o 1-2 inmediatamente despois. Logrouno Fran Torres, xa instaurado como membro do primeiro plantel a tódolos efectos. O resultado xa non se movería para ningún lado.

Próximos amistosos

O 23 de setembro será o debut oficial coa semifinal de Supercopa ante o Reus. Ata entón, estes son o resto de amistosos confirmados para a pretempada:

  • 1 de setembro | Stage en Portugal. Partido ante o Valongo ás 19:00h de España.
  • 8, 9 e 10 de setembro | Torneo Internacional de Famalicão (Portugal) ante Famalicense (21:00h), Riba D’Ave (20:00h) e Saint-Omer (16:30h) respectivamente. Horas españolas.
  • 17 de setembro ante o Rivas Hockey no Pazo dos Deportes de Riazor. Horario por confirmar.

FICHA TÉCNICA

OLIVEIRENSE: Xano Edo; Bruno Di Benedetto, Marc Torra, Diogo Abreu, Facundo Navarro (quinteto inicial), Xavi Cardoso, Lucas Martínez, Nuno Santos, Franco Platero e Diogo Alves (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale, Pablo Cancela (quinteto inicial), Fran Torres, Tomás Pereira, Sito Ricart e Tiago Rodrigues (meta suplente).

CARTÓNS: Sen cartóns.

GOLES: 0-1 (Dava Torres, min. 28). 1-1 (Bruno Di Benedetto, min. 37). 1-2 (Fran Torres, min. 40).

Pretempada 2023. Partido amistoso. Pavilhão dos Carvalhos (Vila Nova de Gaia).

Deixa un comentario