CRÓNICA AMISTOSO | Resultado enganoso no comezo do stage portugués (4-2)

CRÓNICA AMISTOSO | Resultado enganoso no comezo do stage portugués (4-2)

30 de agosto de 2023


Derrota agónica ante o Barcelos na primeira das tres probas desta semana.

O Deportivo Liceo de Juan Copa comezou o seu habitual stage portugués cunha derrota enganosa no Municipal de Barcelos. Contra o equipo da mesma localidade, os verdibrancos disputaron o primeiro dos tres amigables que lles esperan esta semana.

Só os dous minutos finais evitaron a vitoria, aínda que non sexa o realmente importante destas fases de pretemporada. O xoves (Oliveirense) e o venres (Valongo) chegarán dúas novas oportunidades de progresar.

Ritmo de menos a máis

Sen Bruno Saavedra pola súa convocatoria coas categorías inferiores de España, o Liceo afrontou os primeiros compases do partido como o que eran. Os minutos iniciais dunha estadía non moi longa no tempo, pero si esixente. Non lle pareceu mal ó conxunto de Paulo Freitas. Os 20 minutos que abriron o amigable non se caracterizaron por unhas grandes oportunidades, nin duns nin doutros.

Pasada esa marxe, a acción animouse. Sito Ricart foi derrubado na área do Barcelos e os colexiados decretaron o claro penalti. César Carballeira enviouno por enriba da meta de Conti Acevedo pouco antes de redimirse. No minuto 23, o propio dorsal 5 colocou o 0-1 cun potente disparo lateral.

Unha importante bóla parada

O gol non permitiu moito tempo de reacción ó anfitrión dentro do primeiro acto, aínda que o descanso foi útil. Miguel Rocha empatou o encontro nada máis regresar á pista (1-1, min. 26) para demostrar que a subida de ritmo tamén ía cos seus intereses.

Ambos aguantaron ata que chegou o sector final. Tal e como ocorreu na metade inaugural. No 41, Sito volveu ser obxecto de pena máxima por parte da defensa rival e permitiu probar sorte a Tomás Pereira. O número 4 anotou o 1-2 e comezou a deixar clara a súa gran capacidade na bóla parada.

O mesmo no caso de Tiago, aínda que á inversa. Un cartón azul sobre Fabri Ciocale obrigou a lucirse ó meta portugués, que nese momento e ante Darío Giménez mantivo o triunfo parcial.

Menos sorte tiveron tanto el como o resto dos seus compañeiros cando Alvarinho e Danilo Rampulla remontaron en cuestión dun minuto. Aproveitando a oportunidade de practicar un cinco de pista, Zé Pedro ampliou distancias ata o enganoso 4-2 final.

Próximos amistosos

Ata o debut oficial do 23 de setembro, coa semifinal de Supercopa ante o Reus, estes son o resto de amistosos confirmados para a pretempada:

  • 31 de agosto e 1 de setembro | Stage en Portugal ante Oliveirense e Valongo respectivamente. Ambos ás 19:00h de España.
  • 8, 9 e 10 de setembro | Torneo Internacional de Famalicão (Portugal) ante Famalicense (21:00h), Riba D’Ave (20:00h) e Saint-Omer (16:30h) respectivamente. Horas españolas.
  • 17 de setembro ante o Rivas Hockey no Pazo dos Deportes de Riazor. Horario por confirmar.

FICHA TÉCNICA

BARCELOS: Conti Acevedo; Darío Giménez, Miguel Rocha, Luís Querido, Danilo Rampulla (quinteto inicial), Leo Savreux, Zé Pedro, Poka, Alvarinho e Joka (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Tiago Rodrigues; Tomás Pereira, César Carballeira, Dava Torres, Pablo Cancela (quinteto inicial), Sito Ricart, Fabri Ciocale, Fran Torres e Martí Serra (meta suplente).

CARTÓNS: Azul sobre Fabri Ciocale (Deportivo Liceo) no minuto 43.

GOLES: 0-1 (César Carballeira, min. 23). 1-1 (Miguel Rocha, min. 26). 1-2 (Tomás Pereira, de penalti, min. 41). 2-2 (Alvarinho, min. 48). 3-2 (Danilo Rampulla, min. 49).  4-2 (Zé Pedro, min. 50).

Pretempada 2023. Partido amistoso. Pavilhão Municipal de Barcelos (Portugal).

Deixa un comentario