12 de julio de 2023
O xogador coruñés volve ó club e rubrica un contrato por dúas tempadas nun movemento levado a cabo da man de HOCKEY GLOBAL.
O Deportivo Liceo culmina a súa nova fase de reconstrución coa fichaxe de Pablo Cancela (A Coruña, 1988), cara nova e ó mesmo tempo coñecida para o conxunto comandado por Juan Copa. O veterano atacante regresa así a un dos seus clubes de formación, ó que chegou en idade xuvenil despois de iniciar a súa carreira no Santa María do Mar e no Dominicos. O movemento realizouse da man dos compañeiros de HOCKEY GLOBAL.
Cancela, que asina por dúas tempadas, conseguiu debutar co primeiro equipo do Liceo no ano 2005 despois de gañar dous Campionatos de España nas súas categorías inferiores. Unha vez rematada a súa primeira etapa como verdibranco defendeu ó Vigo Stick, ó Cerceda e ó Alcoi antes de iniciar un longo periplo no estranxeiro.
Xogou desde 2011 ata 2016 no Forte dei Marmi italiano, asinou co Oliveirense e regresou ó país transalpino en 2019 para xogar no Follonica e no Bassano. Durante a pasada tempada 22/23 conseguiu un total de 30 goles en 32 partidos, parte dos máis de 200 que anotou na súa carreira. Tamén conta con varias internacionalidades coa selección española.