CRÓNICA OK LIGA (Cuartos de Final, Partido 2) | A semifinais (1-7)

CRÓNICA OK LIGA (Cuartos de Final, Partido 2) | A semifinais (1-7)

Os vixentes campións avanzaron de rolda. O Deportivo Liceo de Juan Copa fixo os deberes e venceu pola vía rápida ó Igualada para meterse nas semifinais do playoff. Un claro triunfo en Les Comes e un 2-0 total na eliminatoria para achegarse máis a un novo título da OK Liga. Agora agarda o Calafell.

Os liceístas, ataviados de negro e dourado, sabían o que tiñan que facer e fixérono. Aguantaron o motivado arranque local, adaptáronse ó partido e deron o primeiro golpe. Ós 7 minutos, o internacional César Carballeira culminou unha xogada colectiva marabillosa para oficializar o 0-1 e o comezo do gran momento visitante.

O primeiro partido de semifinais, ante o Calafell, será presumiblemente o vindeiro venres ás 21:45h (Pazo dos Deportes da Coruña)

A relaxación non existiu. Pechar o partido era importante e os homes de Juan Copa loitaron para que así fose. Nada máis ingresar na pista desde o banco, Pol Manrubia sacou un disparo desde a súa propia zona para sorprender ó porteiro Torrents, dobrar a vantaxe e comezar ese camiño (0-2, min. 11). Un auténtico golpe de autoridade.

Máis vantaxe

O partido da primeira volta deixara unha gran reacción catalá e o Deportivo Liceo aprendeu dela. Non ofreceron oportunidades claras ó rival, senón que as continuaron protagonizando e transformando.

O Deportivo Liceo chegou ó descanso cun 0-4 favorable

O 0-3, chegado no minuto 14, foi de Bruno Di Benedetto a pase de Àlex Rodríguez. Tres minutos despois, Les Comes viu o 0-4 de Pol Manrubia (o seu segundo do partido). O dorsal 7 roubou a bóla, combinou co propio Rodríguez e anotou. O conxunto local mandou dous disparos ós ferros, aínda que o perigo xerado non foi moito maior.

Gran xestión

O Liceo seguiu facendo o seu traballo. A administración da vantaxe non decaeu e incluso buscou o 0-5 nada máis regresar á pista para o segundo acto. Rozouno César no minuto 29, co poste esquerdo de Torrents como elemento chave.

Pouco despois, o equipo de Cesc Fernández si conseguiu o gol. Foi Bernat Yeste quen converteu o 1-4, dando un pouco de esperanza á afección e buscando xerar algo de temor nos rivais. Pero non ocorreu. Os visitantes asentáronse de novo, controlaron a acción e evitaron un déjà vu do Partido 1.

Todo comezou a sentenciarse cando Pol Manrubia completou o seu hat trick (1-5, minuto 40). Aí chegou o armisticio. Desesperados, os ataques arriscados do Igualada provocaron o 1-7 final: goles de Àlex Rodríguez e Fran Torres a falta de segundos para o son da bocina.

Juan Copa e os seus xogadores prepáranse desde xa para afrontar o primeiro encontro das semifinais: será, á espera de confirmación oficial, o venres ás 21:45h no Pazo dos Deportes da Coruña.

FICHA TÉCNICA

IGUALADA: Guillem Torrents; Uri Llenas, César Vives, Marc Carol, Aleix Marimon (quinteto inicial), Nil Cervera, Gerard Riba, Bernat Yeste, Mats Zilken e Xavi Bosch (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Bruno Di Benedetto, Arnau Canal, Fran Torres, Pol Manrubia e Mati Bridge (meta suplente).

ÁRBITROS: Sergi Mayor Oliván e Oriol Escobar López. Sen cartóns.

GOLES: 0-1 (César Carballeira, min. 7). 0-2 (Pol Manrubia, min. 11). 0-3 (Bruno Di Benedetto, min. 14). 0-4 (Pol Manrubia, min. 17). 1-4 (Bernat Yeste, min. 33). 1-5 (Pol Manrubia, min. 40). 1-6 (Àlex Rodríguez, min. 49). 1-7 (Fran Torres, min. 50).

OK Liga 22/23, Playoffs polo título. Segundo partido de Cuartos de Final. Les Comes (Igualada).

Deixa un comentario