Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
É oficial: o Deportivo Liceo entrará no playoff polo título como segundo clasificado. O triunfo logrado polo conxunto de Juan Copa ante o Vilafranca (descendido tras esta derrota) aumenta a puntuación liceísta ás 59 unidades, cinco máis cás do terceiro. Todo iso a falta dunha soa xornada para o remate da fase regular e despois de superar física e mentalmente a proba europea do pasado xoves.
Pouco tempo necesitaron os de verdibranco para deixar claras as súas intencións. Facía falta vencer. Ao minuto de xogo, o meta visitante Fernández tivo que empregarse a fondo para evitar o tanto inicial de Dava Torres tras un pase da morte de Sito Ricart. Pouco despois, o propio capitán estrelou unha bóla no pau esquerdo do porteiro.
O Deportivo Liceo adiantouse no marcador no primeiro minuto de xogo
O Vilafranca non puido facer nada cando César Carballeira, cun disparo lonxano marca da casa, venceu a Fernández para marcar o anunciado 1-0 (minuto 3).
O conxunto de Toni Aranda necesitaba gañar para continuar con opcións de salvación, así que o seu ataque creceu. Mati Bridge, titular hoxe en lugar de Martí Serra, tivo que dar todo para neutralizar un remate perigoso de Roger.
Sucesión de accidentes
A primeira oportunidade visitante veu despois de que os colexiados sinalaran penalti por un presunto patín de Fran Torres (minuto 12). Bridge anulou o empate de Joan Vázquez e inaugurou os problemas do Vilafranca na bóla parada.
O minuto 16 foi produtivo en canto a incidencias. Para comezar, trouxo o 2-0 liceísta. De quen? Dun acertado Tombita, que tras un azul a Pablo del Río foi ao punto da directa. Fernández parou o primeiro intento pero non o rexeite. Inmediatamente despois, a xogada replicouse. Bruno Di Benedetto viu outro azul e Arnau Ribas errou a directa, aínda que dúas xogadas despois compensou co 2-1 logrado nunha xogada liada.
A falta de poucos segundos para a chegada do descanso, previa décima infracción visitante, Arnau Canal colocou o 3-1 mediante a mesma disciplina e grazas a un disparo potente.
Sentencia na segunda parte
O segundo acto resúmese cos intentos vanos dos cataláns e a efectividade dos xogadores de Juan Copa. Aínda que todo comezou cunha boa dobre parada de Bridge ante Villares, o gol de Dava Torres a pase de César (minuto 33) falou do que ía pasar. No 36, ese 4-1 xa era 6-1 debido aos tantos de Sito Ricart (xogada individual pola banda dereita) e Fabri Ciocale (directa tras a 15ª infracción do Vilafranca).
O segundo acto foi unha sucesión de goles verdibrancos que sentenciou o encontro
O 7-1 foi conseguido de novo por Sito, ao culminar unha gran combinación colectiva no área rival. Con máis corazón que cabeza, os homes de Toni Aranda non se renderon a pesar de ter o descenso prácticamente finiquitado. Si conseguiron un tanto da honra, obra de Pablo del Río de falta directa (7-2, minuto 49).
A xornada final da fase regular levará ó Deportivo Liceo a Lleida (30 de abril, 17:00h).
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Mati Bridge; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale (quinteto inicial); Bruno Di Benedetto, Arnau Canal, Fran Torres, Pol Manrubia e Martí Serra (meta suplente).
VILAFRANCA: Chus Fernández; Roger Martí, Joan Vázquez, Arnau Ribas, Gabriel Villares (quinteto inicial), Marc Palau, Pablo del Río, Gerard de Sivatte, Arnau Güell e Pau Romagosa (meta suplente).
ÁRBITROS: Garriga Mas e Fernández García. Mostraron cartón azul a Bruno Di Benedetto e a Dava Torres por parte do Deportivo Liceo. No Vilafranca viuno Pablo del Río.
GOLES: 1-0 (César Carballeira, min. 3). 2-0 (Fran Torres ‘Tombita’, min. 16). 2-1 (Arnau Ribas, min. 16). 3-1 (Arnau Canal, min. 25). 4-1 (Dava Torres, min. 33). 5-1 (Sito Ricart, min. 34). 6-1 (Fabri Ciocale, min. 36). 7-1 (Sito Ricart, min. 44). 7-2 (Pablo del Río, min. 49).
OK Liga 22/23, Jornada 25. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).