Lance do duelo ante o Alcoi da fase regular 21/22. Imaxe: HOCKEY GLOBAL.
Probablemente houbera poucos maratóns de hockey como o que vive actualmente o Deportivo Liceo. O conxunto de Juan Copa disputará mañá sábado (18:30h) o seu quinto partido en nove días tras xuntarse a Copa do Rei, a WSE Champions League e a OK Liga. Esta última é a que se presenta agora coa visita do PAS Alcoi ó Pazo dos Deportes de Riazor, dirixida polos colexiados Daniel Villar Costa e Carlos Molines Ferrándiz.
A xornada 21 chega menos de 48 horas despois da cuarta data continental. Os verdibrancos deberán sobrepoñerse ó esforzo físico derivado do empate (4-4) contra o Calafell. En xogo estará, de novo, a segunda praza. Os coruñeses ocupan a día de hoxe a terceira con 44 puntos, un menos có mencionado equipo do Pavelló Joan Ortoll.
Máis preto do desenlace
O duelo ante o Alcoi antóllase vital tendo tamén en contra que a vindeira visita será precisamente á pista do Calafell. Esta loita polo segundo posto terá lugar o sábado 18 ás 19:30h, polo que Copa e a súa expedición por fin poderán tomar un pequeno respiro despois dun calendario tan denso.
Tras esta só restarán cinco xornadas para que remate a fase regular da OK Liga 22/23. Ademáis do choque contra o Calafell, o Liceo deberá xogar contra o Igualada (casa), o Caldes (fóra), o Vilafranca (casa) e o Lleida (fóra).
Un descarte pendente
Tal e como ocorreu no encontro europeo contra o Calafell, que finalmente deixou como descarte a Sito Ricart, Juan Copa deberá confeccionar unha convocatoria con dez dos seus once xogadores. Decidiranse mañá sábado antes do partido.
O técnico poderá contar, polo tanto, con Martí Serra, Mati Bridge, o propio Sito, Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres, Fabri Ciocale, Àlex Rodríguez, Arnau Canal e Fran Torres.
Contra un Alcoi cada vez máis sorprendente
Desde logo, o partido que terán que superar eses elixidos non será sinxelo. Aterrizará no parqué de Riazor un equipo que no curso 21/22, a pesar da súa condición de recén ascendido, chegou a disputar o playoff polo título da OK Liga. Neste segundo ano van polo mesmo camiño.
O Alcoi é o actual sexto clasificado da OK Liga
O Alcoi de Lorenzo Pastor é agora mesmo o sexto clasificado da liga regular grazas ós seus 29 puntos. Son 9 triunfos, dous empates e 9 derrotas que sitúan ós xogadores dentro dunha zona media apretada que lideran eles mesmos. Por detrás persiguen de cerca o Igualada (29) e o Caldes (28), que pechan os postos de playoff. Sucédelles a todos o Lleida con 26 unidades.
O conxunto alcoiano contará co factor físico favorable que supón non disputar un calendario tan denso como o do Deportivo Liceo. Ó non clasificarse para a Copa do Rei, o seu último compromiso competitivo tivo lugar o 25 de febreiro contra o Noia. Reatou, iso si, nunha derrota (3-5) que deberán superar.