PREVIA WSE CHAMPIONS LEAGUE (X3) | Duelo nacional

PREVIA WSE CHAMPIONS LEAGUE (X3) | Duelo nacional

A recta final do mes de febreiro deixaralle ó Deportivo Liceo unha nova e esixente proba europea. A WSE Champions League chega á súa terceira xornada de fase de grupos e os homes dirixidos por Juan Copa deberán viaxar ó Pavelló Joan Ortoll de Calafell (xoves 23, 20:30h). O mesmo escenario, casualmente, que albergará a inminente Copa do Rei do 2 ó 5 de marzo.

Todo cun claro obxectivo: sumar de tres por primeira vez no que vai de competición. O Liceo acumula actualmente un punto, igual có seu rival, despois de perder na pista do Oliveirense e de empatar en Riazor fronte ó Benfica. Polo momento, o Grupo A presenta dominio luso grazas ás catro unidades de ambos.

A folla de ruta percorrida e por percorrer nesta aventura continental é a seguinte (horas suxeitas a trocos de última hora):

  • UD Oliveirense – Deportivo Liceo | 5-1 | Xornada 1 | 26 de xaneiro
  • Deportivo Liceo – SL Benfica | 3-3 | Xornada 2 | 9 de febreiro
  • Calafell – Deportivo Liceo | Xornada 3 | 23 de febreiro | 20:30h
  • Deportivo Liceo – Calafell | Xornada 4 | 9 de marzo | 21:00h
  • SL Benfica – Deportivo Liceo | Xornada 5 | 23 de marzo | 21:00h (España)
  • Deportivo Liceo – UD Oliveirense | Xornada 6 | 13 de abril | 21:00h
Lance do choque ante o Benfica do pasado 10 de febreiro. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Este partido e todos os da WSE Champions League poderanse seguir en directo vía streaming grazas a europe.worldskate.tv.

Tras el, o Deportivo Liceo deberá visitar o Palau Blaugrana de Barcelona (domingo 26, 12:00h, OK Liga) dentro de catro días de máxima intensidade.

Ante un rival de grandes prestacións

O curso 22/23 do Calafell é dun nivel altísimo. Os pupilos de Ferran López non son só un equipo a ter en conta a nivel nacional, senón tamén europeo.

Son donos actuais da terceira praza da OK Liga grazas ós seus 42 puntos sumados, só dous menos có Deportivo Liceo. Neste Grupo A da WSE Champions League colleitaron unha unidade tras empatar ante o Oliveirense, aínda que tamén foron capaces de poñerlle as cousas realmente difíciles ó Benfica na súa propia pista (5-3).

O Calafell de Ferran López é o actual terceiro clasificado da OK Liga española

O gran traballo do Calafell vén tanto do colectivo, con continuidade no banco, como de individualidades diferenciais. Neste último caso entra o nome de Martí Casas, autor de 31 goles en España (segundo máximo realizador) e doutro en Europa. O plantel conta tamén cun destacado Sergi Miras, antigo integrante do Deportivo Liceo.

Juan Copa, técnico verdibranco, é perfectamente consciente da dificultade deste compromiso: “Visitamos a un equipo que realizou un paso moi importante hacia diante tanto a nivel de club como de plantel. Están dirixidos por un adestrador que lles transmite intensidade e apoiados por unha gran afección”.

Viaxe coa totalidade do grupo

O preparador e o seu corpo técnico desprazaranse a terras catalás con todo o primeiro equipo. Aínda que a convocatoria permite un máximo de dez xogadores, o descarte será elixido unha vez chegados ó Pavelló Joan Ortoll.

Influirá tamén a proximidade do duelo ante o Barça do domingo. O grupo permanecerá en Cataluña ó rematar o partido europeo para preparar alí mesmo o regreso da OK Liga.

Copa confía totalmente nos seus xogadores para sacar adiante os tres puntos en xogo dentro do compromiso continental: “Sabemos o que nos xogamos e o equipo está preparado e mentalizado para facer un bo partido e continuar coas nosas aspiracións europeas”.

Os integrantes da expedición serán, polo tanto, os seguintes: Martí Serra, Mati Bridge, Sito Ricart, Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres, Fabri Ciocale, Àlex Rodríguez, Fran Torres e Arnau Canal.

Deixa un comentario